Boas festas a todos e todas

Dende aquí queremos desexarvos unhas moi boas festas, ou cando menos, as mellores festas dentro do posible. Este ano que comeza esperemos que mellore moito o anterior, e esperamos que, despois de todas as dificultades que houbo este primeiro trimestre, empecemos o 2010 con moitas forzas, sorte, e ilusión.

Unha aperta moi forte!!

Xuntanza do martes

Hola de novo a todos e todas

Na xuntanza do pasado martes, falamos dos seguintes temas.

  • A gripe A

Simplemente comentamos que o Ministerio de Salud, o Sergas, e a Consellería de Educación, elaboraron cadanseus protocolos de actuación en caso de aparición de casos sospeitosos. Estes protocolos, son os que nos veñen reflictidos no papel que lle deron aos nosos fillos e fillas os primeiros días do curso, e son os que están na páxina web na seguinte ligazón.

  • Novos membros da directiva

Como moitos sabedes, os pais de Luisa, – Dores e Eloy -, ambos membros da directiva da A.N.P.A., deixaron de selo xa que a nena non ven xa ao cole a Viloira (xa non vive en O Barco). Así que facía falta “fichar” a dúas persoas máis, que serán Dori e Alice.

¡Unha agarimosa aperta a Luisa, Dores e Eloy!

  • Actividades extraescolares

Este ano temos 3 tipos de actividades, as que organiza o Concello, as que organiza o Colexio e as que organiza a A.N.P.A.

    • Organizadas polo Concello (de balde)

Este ano o Concello pagará a uns monitores para que veñan impartir estas actividades ao colexio, polo que serán de balde, é dicir, non haberá que pagar. Son organizadas polo Concello pero coordenadas polo colexio, así que para informarse ou apuntarse haberá que falar con Reme.

Para cada unha delas haberá dous días, un para os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de primaria, e outro para os de 4º, 5º e 6º. Desgraciadamente, non montaron nada para a rapazada de infantil.

      • Xogos multideportivos
        • luns (os pequenos) e mércores (os grandes) ás 17:00 h
      • Novas tecnoloxías
        • martes (os pequenos) ás 17:00 h
        • xoves (os grandes), despois de comer
      • Rondalla
        • Para esta actividade o concello non tiña profe, así que dará unha bolsa económica para que o colexio contrate a un profesor. Como non estaba claro canto nin como ía ser, non sabemos se vai ser suficiente para que saia totalmente gratis, ou haberá que pagar unha pequena cantidade. Para máis información, falade con Reme. Xa sabedes que instrumentos hainos no cole.
    • Organizadas polo Colexio
      • Gaita
        • Igual que o ano pasado, esta actividade será de pago e supoñemos que ao mesmo prezo que o ano pasado. Lembrade que o profesor cobraba unha cantidade fixa que se repartía entre as cotas dos asistentes. Polo tanto, pensade nos demáis e non vos borredes co curso empezado, porque iso fai que a xente teña que pagar máis (como pasou o ano pasado).
    • Organizadas pola A.N.P.A.

Xa sabedes que hai dous tipos de actividades; as que son levadas a cabo por pais e nais voluntarios e polo tanto son gratis, e as que hai que pagar, porque se contrata a un ou unha profesional que nos veña a impartir algún curso. Pedímosvos, coma sempre, a vosa colaboración para isto, tanto se se vos ocorre algo para levar a cabo como se é para botar unha man a algo que organicemos nós.

      • Cine (gratis)
        • Igual que o ano pasado, sería, como sabedes, a proxección dun filme axeitado á idade dos nosos fillos e fillas, o venres ao saír de clase.
      • Futbito e Voleyball (10 €, precio estimado)
        • En función de como se organice a actividade de xogos deportivos, e se se apunta xente dabondo, podemos montar futbito, voleyball, ou as dúas cousas.
      • Teatro (10 €, precio estimado)
        • Sería algún día a concretar polas tardes, con posibilidade de ser dous días á semana
      • Contacontos (10 €, precio estimado)
        • Esta actividade está pensada para os pequenos de infantil, e para o horario de despois de comer.

Pasaremosvos un día desta semana (se non da tempo, da semana que ven), un papel para que vos apuntedes e poder montar as actividades o antes posible. Este ano levamos retraso porque estivemos esperando a que o Concello nos informase de como ían ser as actividades que montaron eles.

  • Pavillón / comedor

Parece ser (por conversación de Reme coa Xefa Territorial de Educación) que xa está destinada unha partida de 800.000 € nos orzamentos deste ano para a construción do pavillón. Vai sair xa a concurso público para a contratación da obra, e parece ser que as obras van comezar en xaneiro e rematar en setembro.

O ano pasado estabamos no mesmo, pero cambiou o governo e nos quitaron os cartos. A novasituación é que estes cartos son deste governo, e non vai cambiar nos vindeiros case catro anos (…) A ver cando poñen os postes co cartel na finca.

Se desta non vai, teremonos que poñer en Santiago a comer diante da Consellería.

  • Cotas do comedor

Os que temos fillos ou fillas no comedor do colexio, sabemos que aínda non pagamos nada, e, o que é peor, non sabemos canto temos que pagar, nin cando. Isto non é cousa do colexio, é cousa da Xunta, que aínda está debatindo canto nos vai cobrar polo servizo. O que se conta é que queren subir a cota, e a oposición oponse (que é o que ten que facer), e por iso non se da decidido canto.

Tampouco se sabe como se vai facer, se se vai pagar no banco ou se poderá domiciliar. E por último, non se sabe tampouco se se pagará a mes vencido, pagando os días que os cativos comeron, ou se se pagará por adiantado (como pretenden eles), pagando todos os días, comase ou non.

O que está claro é que dentro de certo tempo, teremos que pagar todos os meses que levamos xuntos, ao cal, non hai dereito. Daquela imos ter que ir comer á Xunta.

E iso que os cartos que se aforrou a Xunta ao non pagar os libros de texto, que xa non son gratis, en teoría ía para os comedores… debe ser para os comedores dos conselleiros…

  • Excursión / andaina de principio de curso

Tal como xa fixemos o ano pasado, organizaremos unha excursión / andaina pola serra da Enciña da Lastra, posiblemente saíndo de Vilardesilva e chegando a Covas, como convivencia de pais, nais, nenos e nenas.

A idea é sair de mañán, andar por alí, polos camiños, polos soutos, comer unhas empanadas a algunha outra cousa, e facer un magosto despois.

No papel que pasaremos para as actividades, vos poderedes apuntar para esta actividade, e suxerir un día para a realización da mesma.

  • Revisión da cota anual

Por último, decidiuse por votación, e por ampla maioría, subir a cota anual de 12 a 15 €. O ano pasado xa non se subira, e 3 € ao ano, pois tampouco é tanto.

Para o pago das cotas faremos como o ano pasado; poremos unha semana para pagar e haberá alguén da directiva na mesa de Marcelino para recoller os cartos. Tentade pagar todos nesa semana, para poder deixar o asunto listo o antes posible.

Por último, facemos de novo un chamamento a todos e todas para que veñades ás xuntanzas que celebremos, que é a maneira de enteirarse das cousas de primeira man, e é o sitio adecuado para comentar/pedir/reclamar/protestar, etc. E por suposto, é o sitio onde se realizan as votacións que haxa que facer, e polo tanto, o sitio onde se deciden as cousas. Tede en conta que os que vaian deciden para todos e todas.

E tentade tamén colaborar coas actividades que se organicen (excursións, entroido, maios, etc), que se fan para os nosos fillos e fillas, non para outra cousa. O pasan ben, e ademáis conseguimos cartos para poder organizarlles máis cousas.

Nada máis, moitas grazas

A gripe A

Xeoruse moita alarma social dende hai uns meses co tema este da gripe A. Clicando nas seguintes imaxes podedes ver as instrucións doSergas, ca Consellería de Educación e do Ministerio de Sanidad.

banner_gripeAGRIPE_Aimg_ppl

Volvemos estar sen pavillón e comedor

O novo executivo autonómico quitounos o que xa conseguiramos do outro. Co traballo que custou conseguir que se mercasen as fincas, e se puxese todo legal  e por escrito, volvemos quedar a cero. Os que votastes ao PP podedeslles das as grazas pola medida.

Xa estaba autorizado o pavillón, xa tiña unha partida orzamentaria asignada, é dicir, xa había uns cartos que eran para isto, e xa había planos provisionais e todo. Pero agora chegou o novo conselleiro e estimou que se van destinar eses cartos a cousas pequenas que sexan máis importantes. Se cadra non consideran importante que os nosos fillos e fillas estean comendo de prestado nunha casa que non é comedor nin é nada, ou que teñan que andar cruzando a rúa para ir comer, chova ou vente, ou que non teñan nin unha mísera cancha de  baloncesto nin de futbito, nin unhas duchas axeitadas.

Deamoslles as grazas, porque seguramente estamos pedindo de máis e nos están educando… unha petición que se remonta a cando estudaban eiquí moitos pais e nais dos que agora van ás clases.

Seguramente debe ser moito máis importante gastar 300.000 euros (trescentos mil) nunhas enquisas trampa sobre o uso do galego…e que non valeron para nada…. co que se gastou aí, xa se pagaba a planta baixa do pavillón. ¡ISO SI QUE ERA URXENTE!

Acabase a gratuidade dos libros de texto para todos e todas

O novo executivo autonómico decidiu que non estaba ben que todo o mundo tivese os libros de texto gratis. Os que votastes ao PP podedeslles dar as grazas pola nova medida.

A partir de agora, haberá que mercar os libros a principio de curso, e os que queiran, poderán solicitar unha beca, que se resolverá unha vez iniciado o curso. As familias cunha renda de ata 5.400 € por membro ou 6.000 € se é familia monoparental, poderán ter ata un máximo de 180 € de axuda por neno ou nena. Se a renda familiar é maior, pero nunca superior a 9.000 € por persoa, poderán optar á metade de dita subvención.

No caso de alumnado de Educación Especial, a bolsa será de 250€ por alumno, independentemente da situación familiar.

No curso 2009-2010, a medida implantase nos cursos de 1º, 2º, 5º e 6º de primaria.

No curso 2010-2011, implantarase en 3º e 4º de primaria.

no curso 2011-2012, implantarase en 1º e 3º de E.S.O.

No curso 2012-2013, implantarase en 2º e 4º de E.S.O., co cal estará totalmente abolido o sistema de empréstito, a non ser que nas eleccións autonómicas gañen outros, e o volvan poñer.

Podedes ver o documento oficial da consellería na seguinte ligazón.

Haberá que pagar máis do comedor o curso que ven

Aínda que xa había algunha xente que pagou algo o ano pasado por comer no comedor escolar, o novo goberno, endureceu os requisitos necesarios para as becas do comedor. Os que votastes ao PP podedeslles dar as grazas pola nova medida.

O asunto vai como segue. A Xunta autoriza un número de prazas de comedor suxerido polo Consello Escolar, en base, sobre todo, aos medios humanos e materiais dispoñibles, e ao número de alumnos e alumnas.

Unha vez coñecido o número de prazas e solicitantes, a Consellería concede unhas becas coas que se subvenciona o pago do comedor a un certo número de alumnos. Pode ser que subvencione o 100%, e o alumno non pague nada, o 50% e pague a metade, ou que o alumno ou alumna teña dereito a beca, pero pague todo. Nesta caso, o Xunta paga unha pequena cantidade á empresa que faga o catering.

No caso de que non teñamos beca e o noso fillo ou filla quede a comer no colexio, deberemos aboar o 100% do importe, e ademáis a pequena cantidade que a Xunta paga ao catering, é dicir, deberemos pagar entre 3 e 4 euros por día.

Actualmente, hai 96 solicitudes de comedor, pero hai unhas 85 prazas, polo que 11 nenos ou  nenas, quedarán fora, é dicir, deberán pagar 3 euros e pico por día, se queren quedar a comer.

Terán beca polo 100%:

  • O alumnado en situación socioeconómica moi desfavorable ou pertencente a colectivos sociais ou étnicos con dificultades de integración que demanden accións de especial protección. A acreditación realizarase mediante informe do traballador ou traballadora social do concello.
  • Alumnos e alumnas pertencentes a unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familias numerosas de categoría especial, consonte na Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección de familias numerosas. Será requisito indispensable a presentación do título oficial de recoñecemento de familia numerosa.
  • Os alumnos pertencentes a familias que acrediten unha renda como a que se di no cadro seguinte. Dita renta se calculará a partir da declaración do IRPF do ano 2007, facendo a conta seguinte, segundo o valor das casillas 450, 452, 454, 457, 460 e 471

Renda=  450 + 452 – 454 + 457 + 460 – 741    Se se fan na familia dúas declaracións, hai que facer a conta para cada un, e sumar os dous resultados.

ata 3 membros na familia, renda ata 22.141, 01 €

4 membros, renda ata 25.307,44 €

Terán beca polo 50%, e polo tanto, pagarán 1,50€ por día

  • alumnos e alumnas pertencentes a familias que teñan recoñecida a condición de familia numerosa de categoría xeral.
  • Alumnos pertencentes a unidades familiares que acrediten unha renda anual segundo a seguinte táboa

ata 3 membros, renda entre 22.144,01 € e 31.634,30 €

4 membros, renda entre 25.307,44 € e 34.797,73 €

Pagarán o total do prezo, é dicir, 3 € diarios,

  • os alumnos e alumnas que, con beca concedida,  non se atopen en ningún dos parágrafos anteriores.

Pagarán o total do prezo e a aportación da xunta, é dicir, algo máis de 3 euros diarios.

  • os alumnos e alumnas que, quedando a comer, non teñan concedida beca de comedor.

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

  • Certificado de Asuntos Sociais para familias con situación económica desfavorable
  • Título oficial de familia numerosa, se procede
  • Declaración do IRPF do ano 2007
    • Fotocopia de TODAS AS FOLLAS
    • Se os dous traballan, a declaración conxunta ou as dúas declaracións
    • Se algún ou os dous, traballa pero non ten a obriga de presentala, presentar CERTIFICADO DE IMPUTACIÓNS, expedido pola Axencia Tributaria

Na primeira semana de setembro publicarase a listaxe de admitidos.

O 1º día do comedor será o de inicio das clases, o xoves 10 de setembro.

Fotos e vídeo de Cholo e Nela, ¡xa!

Xa están as fotos da convivencia de Cholo e Nela en Montederramo. Hoxe deronlle ás rapazas e aos rapaces que foron, un CD con 635 fotos moi variadas, e unhas sinxelas instrucións.

As fotos teñen calidade dabondo para verse moi ben no ordenador ou na tele. Se as queredes pasar a papel, como as fotos de toda a vida, en Foto Rufino e máis en Fotografía Michel-Ismael teñen un DVD coas fotos á máis alta calidade.

Tedes que levar escollidas as fotos que queirades imprimir. Para iso, apuntades simplemente o nome dos arquivos das fotos que ides pasar a papel, ou levades o CD e o vedes alí, na tenda, e escolledes.

Hai una par de vídeos dos nenos e nenas en Montederramo, pero non collía nos CDs. Deixaremoslle hoxe a Marcelino un DVD con ese par de vídeos, e o podedes ver ou copiar nos ordenadores do Telecentro, no colexio.

Esperamos que vos gusten.

Excursión de fin de curso da A.N.P.A.

Según se acordou por votación na xuntanza da A.N.P.A. do pasado martes, a excursión de fin de curso deste curso será ao parque Parque de aventura “La Devesa” , en Bembibre. Pasarémolo moi ben, faremos tiro con arco, orientación, tirolina, montar a cabalo, etc.

A excursión será o domingo 21 de xuño.

A entrada ao parque e o autocar será financiado pola A.N.P.A., pero haberá que aportar unha cota simbólica de 8 euros, coa que pagaremos o xantar, que será no comedor do propio parque. Fixeronnos prezo calculando unha asistencia dunhas 30 persoas.

Haberá unha lista en secretaría do colexio para que vos apuntedes. Facédeo canto antes,xa que nos reservan o día se hai xente. Se non, como é lóxico,daranlle o día a outra excursión que teña xente bastante.

Viaxe a Madrid

Esta é a información da circular que repartiu o colexio sobre a excursión a Madrid dos días 4  e 5 de xuño.

O vindeiro 4 de xuño, vai ser a excursión a Madrid. O itinerario será o seguinte

  • 4 de xuño
    • Recollida no centro ás 06:00h e saída hacia Madrid.
    • Chegada ao “Complejo Park EL Escorial”. El Escorial,  Madrid
    • Distribución dos bungalows
    • 14:00h: Xantar no complexo
    • 15:00h: Saída hacia o Museo Nacional de El Prado
    • 20:00h: presentación Teatro Coliseum, rúa Gran Vía 78, para ver o espectáculo “Fiebre del Sábado Noche”
    • 23:15h: cea en Burguer King, rúa Gran Vía, 40
    • 24:00h: recollida polo autocar no Burguer King e regreso ao complexo. Chegada e aloxamento.
  • 5 de xuño
    • Almorzo buffet
    • 11:00h: Visita Monasterio de El Escorial
    • 12:00h: traslado ao parque temático “Warner Bros”. Xantar dentro do parque
    • 20:00h: recollida polo autocar e regreso a O Barco
    • 02:00h: Hora estimada de chegada a O Barco

Terán que levar algo para o almorzo do primeiro día e para a cea do segundo. Pararemos en áreas de servizo para facer descansos e comer o se leva ou mercar o que se precise.

NON SE PODE ESQUECER DE:

  • Camiseta do colexio ou camiseta vermella para ir ao Parque Warner Bros
  • Viseira (preferiblemente a do colexio)
  • Roupa que non sexa chandal para asistir ao espectáculo “Fiebre del sábado noche”
  • Roupa cómoda para dous días
  • Calzado cómodo
  • Dúas mudas de roupa interior
  • Neceser con xel, cepillo de dentes, etc.
  • Toalla
  • Bañador
  • Chanclas para as atraccións de auga
  • Crema protectora
  • Mochila pequena para meter as chanclas e crema protectora no parque Warner

Non é necesario que os nenos e nenas leven móbiles, porque os profesores acompañantes levarán un listado cos teléfonos dos pais para chamalos en caso de necesidade.

Fotos da convivencia de Cholo e Nela

IMG_0796Este ano temos bastantes fotos dos nosos nenos e nenas, xa que ia unha persoa da ANPA para sacalas.
Fixemos o posible porque saísen todos e todas, pero xa que ía dun lado para outro, e non estaban todos xuntos pois, inevitablemente, haberá ao mellor moitas fotos dalgúns que se movían moito, e menos doutros que non coincidiu.
Hai tamén algúns pequenos videos onde saen xogando, correndo, etc.
Agora temos que seleccionar para quitar as fotos repetidas, desenfocadas, e as que saísen mal, e pasar os vídeos da cámara ao ordendador. Cando estea todo feito vos pasaremos un CD con todas as fotos e os vídeos a cada familia dos que foi un neno ou unha nena.
Paciencia, que xa chegan!

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.